Este era un dos grupos que tiña moitas gañas de ver en directo. Digamos que Celtas Cortos pasa por ser o meu grupo da adolescencia. Por iso non me importou desprazarme ata Vilalba sen saber moi ben se chegaría a tempo para ver o concerto e o lugar no que se celebraba. Xurdiu a última hora e ao final, todo foi rodado. Atopamos o sitio ben, aparcamos cerca (eran festas e sempre é máis difícil) e aínda encima chegamos xusto entre dez e quince minutos antes de que comezase o concerto.
Facía frío. Un que é do Norte foise en manga corta sen prever que aquelo é interior e está algo elevado, polo que a partir da media noite fai certa rasca. O caso é que o concerto empezou. Polo escenario pasaron auténticos clásicos dos Celtas: "Tranquilo Majete", "Haz Turismo", "El Emigrante". E si, tamén algún do seu novo disco.
Unha das cousas que máis me sorprendeu foron os vídeos que poñían nalgúns temas na pantalla que tiñan na parte posterior do escenario. Moi currados e de boa factura, baixo o meu punto de vista. Creo que co paso do tempo, non é que sigan sendo reivindicativos, senón que cada vez o son máis.
E como non, fixeron acto de presenza "La Senda del Tiempo" e "20 de Abril", o que acabou por quecer definitivamente o ambiente. Aínda que sexa un concerto gratuito, demostraron que lles gusta o que fan e que gozan enriba das táboas.
Mención especial o feito de que Susana Seivane saíse a tocar unha con eles no medio do concerto.Algo ten esta gaiteira que me atrae. Non sei se é musical, pero algo é. Tamén os acompañou no final. Un final que, como vén sendo habitual desde hai un tempo, remata co "No nos podrán parar", que penso que noutros momentos era co que empezaban. Unha clara demostración de intencións.
Gran concerto no que só faltou que nos contarán un conto. Botouse de menos, a verdade.
Saúde.
PS: Emociona ver a uns pucelanos e un galego (dous coa Seivane) facendo música celta.
Si, é superior a min, vouno facer. Vou entrar no tema político e vouno facer coma un elefante nunha cacharrería. É dicir, insultando e descalificando.
O nivel de chabacanería e desvergonza que está acadando Baltar paréceme, cando menos, alarmante. Pero o peor é que no seu partido ninguén lle di nada nin o aplaca. Explícome.
Non vou entrar en que recoñecera que a campaña fose sucia, rastrera e chea de esterco. Paréceme denigrante, pero prefiro non entrar. Ao que vou é que durante toda a campaña dedicouse a dicirlle aos labregos da zona do Ribeiro e algún outro punto da provincia de Ourense, pasquín en man, que co Bantegal (Banco de Terras de Galicia) lle ían quitar as súas terras para darllas a outros. Aquí tedes o pasquín:
Aquelo que ía ser a sovietización de Galicia durante a campaña, agora non é tan malo e simplemente se lle vai dar un simple retoque. Manda carallo!!!
Volvendo ao tema, en serio, eu se fose algún deses votantes aos que convenceron con sillas (onde están, por que non apareceu ningunha, leváronas para as súas casas?) e audis (incrible, os que enterraron cartos e cartos públicos no Gaiás), estaría profundamente avergoñado e pensaría no suicidio. Imos darlle un ar tráxico tamén ao tema, pero é verdade, eu estaría moi moi jodido pola miña decisión.
Pois ben, o señor Baltar non tiña de abondo con isto, senón que agora saíu co do coche e recoñeceu que leva aos netos á escola no coche oficial. Ben, vale, non sei, ata pode ser defendible se lle cae de camiño ou algo, pero é que só hai que botarlle un vistazo a un parágrafo para darse conta de que lle está chamando estúpidos aos seus votantes. Aquí vos deixo a nova saída en Vieiros. E aquí vai o parágrafo ao que me refiro:
De paso, o dirixente popular sinalou que a súa escolta recolle os seus netos no colexio "pero faino voluntariamente" e argumentou que "outra cousa sería que o obrigase a facer ese servizo". Di Baltar que estanse a "utilizar as cousas como mandan os canons e como hai que facer" e puntualiza que "non é ningún coche oficial do presidente da Deputación", senón que se trata dun turismo que "está asignado á escolta do presidente da Deputación". Ao respecto, asegurou que "na maioría dos casos", vai aos mitins no seu "coche particular". "Vai tamén cando o considera oportuno a miña escolta", xa que "ten que velar pola miña seguridade cando vou ao mitin, cando son presidente da Deputación e cando vou á miña casa", subliñou.
Así que os escoltas lévanlle aos netos á escola porque lles peta. Vaia, non sabía que tiñan esas funcións e eran tan serviciais. A miña pregunta é, entre outras cousas, como ten tan pouca cabeza de meter a uns nenos no coche da escolta?
Bueno, vouno deixar por hoxe, que me quento. Outro día entro no dos buratos.
Saúde.
PS: Si, xa non dubido, xa non pregunto, chámanlle tontos á cara e non se enteran.
Levaba moito tempo maxinando en escribir neste "meu" blog. Finalmente, nesta noite parece que atopei o momento xusto. A verdade é que a miña vida está bastante desordenada, o que non axuda moito a que este espazo se vexa actualizado a miúdo. Bueno, iso e, porque non dicilo, que tampouco teño moitas gañas de escribir ou, case máis, nada interesante que dicir.
E hoxe tampouco é que teña moito que contar. Simplemente me gustaría deixar un par de pinceladas sobre cousas que estou escoitando nos últimos días e non deixan de sorprenderme.
Por unha banda está o tema dos superdelegados. Seica con eles ía chegar o aforro absoluto e agora resulta que cada un deles vai ter dous chóferes (e supoño que ao mellor tamén dous coches) e seis asesores. Agora multiplicade esa cifra por cinco e o "aforro" canta bastante.
E, por outra banda, o tema do ensino e o galego. Paréceme incrible que algunhas persoas queiran acabar co galego, pero máis incrible é que para facelo utilicen o tan manido argumento de "los padres tienen derecho a elegir el idioma en el que van a ser educados sus hijos". Roncañe o carallo, que diría algún vello no peirao de Celeiro. Se algún día teño fillos, eu desexo que non lles ensinen os logaritmos e a trigonometría e agardo que o Estado me faga caso porque a min non me gustaban, nin nunca entendín para que me valía a efectos de rúa. Ao fin e ao cabo, mal que menos, o galego serve para que algúns nos comuniquemos. Agardo que alguén lles explique que en temas de Educación, o Estado ten a lexitimidade para "impoñer" certas reglas.
Saúde.
PS: Intentarei actualizar máis rápido que da última vez (ía poñer prometo, pero case que non me arrisco, jeje.)
O certo é que non podo evitar subir esta foto, aínda que esteamos en día de reflexión. E é que non foi ata hoxe que a vin. Din que unha imaxe vale máis que mil palabras e que os borrachos e os nenos nunca minten. Pois aquí tedes a imaxe deste pobre bebé. Debeuse dar conta do que se lle viña enriba, jeje.
A foto é de Carmela Queijeiro (fotógrafa da Voz de Galicia) e aparece no blog de Vítor Mejuto, xefe de gráficos do mesmo diario.
Recoméndovos que lle deades un vistazo ao blog, sober todo a aqueles que vos guste a fotografía. Animouse moito durante a campaña electoral.
Hoxe gustaríame saldar unha conta pendente que teño desde hai unhas cantas semanas. Quería dedicarlle unha entrada a Marquinhos e vouno facer agora. Este post vai polos vellos tempos, por aquelas noites en Pontevedra. Tranquilos, non vou falar de alcol, sexo, drogas e rock & roll. Non, vou falar de estudos.
Esta entrada ten que ver coa velada que pasei unha noite dun xoves de xaneiro. Unha desas noites míticas nas que fas o que poderías ter feito con total tranquilidade durante o Nadal e os días posteriores, pero que deixas para o último momento porque doutro xeito non tería gracia. Sempre traballando baixo presión. É como cando estás nunha redacción de deportes sen facer case nada en toda a tarde do sábado e, a partir das oita da tarde, tes que facer dúas páxinas (con 9 crónicas de diversos deportes incluidas) en menos dunha hora e media porque ás 9.30 hai que pechar a edición.
Pois ben, nesa noite de xoves tiven que rematar un traballo colectivo e facer o powerpoint para expoñelo o venres, ademais dun traballo individual meu sobre un libro que tampouco tiña lido antes daquela noite. O tema é que me puxen ao chollo e só puiden durmir uns 40 minutos, cun parón incluido no medio no que acabei soprando nunha proba de alcolemia na Praza de Galicia de Compostela (unha historia para non durmir). Non sei se este "esforzo" criminal servirá para algo (o traballo ao final non o expuxemos ese día), pero si que, polo menos, me serviu para recordar aquelas noites de traballos pontevedresas.
E a adicatoria a Marquinhos ten unha razón lóxica. Foi a persoa coa que máis vivín esas noites. Imaxino que aquel día e medio seguido co traballo de Laxe será difícil de superar por máis que o intente, jeje.
A poucos días de que se dispute a Superbowl, final da NFL (madrugada do domingo 1 de febreiro ao luns 2) coñécese un dos primeiros actos de censura que xa fixo a NBC, cadea que ten os dereitos de emisión do acontecemento.
Neste caso, trátase dun spot no que a asociación en defensa dos animais PETA (People for the Ethical Treatment of Animals) invita á xente a facerse vexetarianos, xa que segundo este colectivo teñen "mellor sexo" ca os carnívoros, se entende. Para levar a cabo a súa mensaxa utilizan varias mulleres (de bo ver, evidentemente) xogando con distintos alimentos, vexetais loxicamente. Aquí vos deixo o spot para que opinades. Fóra do mellor ou peor gusto do autor, do estilo, do coidado da súa producción e de tódalas concepcións teóricas e técnicas, a mín non me parece tan escandalosa. Volve a aparecer de fondo a tan quisquillosa moral americana.
Desde hai un par de anos este día xa era unha data que recordo especialmente. Foi o día no que marchei para Florencia a pasar, o que a posteriori serían, tres dos mellores meses que vivín na miña vida. Iso foi no 2007, pero a casualidade quixo que un ano despois puidese volver a "celebrar" algo ese día. Tratábase da liberación da miña perna dereita, logo de que estivese 40 días cunha escaiola debido á fractura da base do dedo meñique dese pe que me fixera un día antes do sorteo de Nadal (a min si que me caera o "Gordo").
Mais, nestas casualidades que nos presenta a veces a vida, resulta que hoxe (2009) volvo ter algo que celebrar. E desta volta algo moi grande, que de momento é pequeno. Desde esta mañá hai unha nova Antía no mundo, unha nova pataqueira (apelativo cariñoso co que coñecemos os de Viveiro aos de Burela). Pois iso, que teño unha prima (segunda) nova e é unha pequena alegría nun tempo de monotonía e apatía da miña existencia. Unha gran noticia que axudar a ir tirando un tempo.
Son dos que prefiro que me definan e non definirme eu mesmo, porque penso que é como a miña voz. Non é igual como a escoito eu, a como a escoitades o resto. Polo tanto, prefiro calar.