Publicidad:
Terra
La Coctelera

Categoría: Viveiro

Naseiro 2007 (e III)

O domingo foi un día bastante normaliño. Despois dos dous primeiros días, as forzas empezan a fallar. De todos xeitos a verbena volveu estar moi animada cos asturianos de Tekila e os moi agardados da París de Noia. Non desentonaron nada os asturianos, aínda que para mín falloulles moito o son.
Este día, non me fun tan tarde para a tenda de campaña. Despois de que acabasen as orquestras, un pis e para a cama (bueno, para o colchón da tenda), que había que repoñer forzas de cara a luns e martes.

Como vos dicía na anterior entrada, o luns comecei coa páxara. Se cadra, influiu a moita calor que fixo ese día. Os luns é o día no que se fai o descenso humorístico do Río Landro e este ano debeu ser da única vez que verdadeiramente me apeteceu moito baixar. Aínda que non temos por costume baixar, si que temos a costume de achegarnos á beira do río para ver aos intépidros que si o baixan. Sempre son unhas risas velos. O ambiente de Naseiro é incrible. Aquí vos quedan un álbume de fotos que teñen colgado na Voz de Galicia. Os pés de foto están un pouco trabucados, por certo. Vese que nisto non só se equivoca o Progreso, jeje.
A verbena era con Costa Oeste e Miramar. Os últimos bastante floxos, con respecto aos primeiros que sempre clumpen moi ben. Tiveron un pequeno problema de son, cando se lle jodeu un equipo na segunda actuación. Na zona de diante non se escoitaba moi ben, pero era o de menos. Por certo houbo dúas anecdótas interesantes con esta orquestra, coa Costa Oeste. A primeira foi cando apareceu un tipo no escenario vestido cun tanga de leopardo e un sombreiro. Pensei que sería o mítico borracho que subía arriba dar a nota. E si erao. O que pasa é que esta era coñecido. Tratábase de Tonhito de Poi, que tamén andivo de romaría. Fixo de feito algún concerto nalgunha cabana. Cólgovolos ao final.
A foto tomeime a licencia de collela do Fotolog de Bernardo (o da dereita con camisola azul). Agardo que se algún día chega a este blog por casualidade, me saiba perdoar esta intromisión e non me queira cobrar o copyright. O do medio non fai falla dicir quen é, supoño.

A outra foi que varios integrantes da Costa Oeste viñeron cear á nosa mesa despois de que rematase a verbena. Boa xente e moi bo rollo. Sobre todo, quédomo con que todos os integrantes das orquestras estaban de acordo en que, a pesar de que ven moitas festas durante todo o verán, como Naseiro e o ambiente que alí se vive ningunha. A maioría sorpréndense (despois de todo o que viron durante o verán) de que, a pesar dos litros e litros de alcol que corren (e que eles tamén beben, porque sempre se lles manda algunha litrona para arriba), non hai pelexas nin a xente é irrespetuosa con eles. O primeiro pódencho dicir para quedar ben, pero esto último eu creo que nesto último si que son sinceros ao cen por cen.

E, finalmente, chegou o martes. O último día. O día que para mín sempre foi un baixón. Cando aínda estaba no colexio e no instituto (aqueles tempos nos quenunca me quedaba nada para setembro)porque era sinónimo de fin de verán, íanse os turistas, acabábanse as festas, deixábamos de ir á praia, en definitiva, volvíase á rutina do curso, aos días apagados e tristes nos que xa era noite ás cinco e media da tarde.
Despois pasou a ser o baixón de ter que afrontar os exames. De repente atoparte só na casa estudiando, cando os cinco días anteriores estabas rodeado dos teus amigos disfrutando e de festa. O mércores de Naseiro sempre foi un día moi duro. Este ano xa non teño exames, aínda que o feito de que a maioría dos meus amig@s os teñan, fai que a situación sexa parecida. Pero nesta ocasión é diferente, porque o xornal vaime manter ocupado.
Volvendo á festa deste ano en si, non fun á verbena. Atopábame excesivamente canso. E a partir das dúas e pico, cando xa recuperara, empezou a caer unha tormenta impresionate que impediu que vise á Olympus e á Versalles. Visto o visto e que ao día seguinte tiña que ir ás nove e media ao dentista, e despois traballar, decidín marchar no coche para a casa e durmir na miña camiña. Daquela si que xa estaba enfermo, porque me custou moito recoller as cousas e, sobre todo, coller o sono. Así ao día seguinte estaba na consulta do dentista agonizando e toqueando. Moito me costou non quedarme durmido mentres me atendía.

E aquí está a crónico do Naseiro. Pasánseme moitos detalles, moitos recordos, anécdotas, etc. Pero, ben é certo que a maioría deles non as entederiades porque son propias do meu grupo de amig@s e aínda que volas contara, non entenderíades moito.

E como prometera aquí vos quedan os vídeos de Tonhito. Ollo ao comentario do primeiro sobre Ana Obregón, jeje.

Deixovos un nada máis, que senón despois algún protesta porque non lle da cargado a páxina. Aquí vos quedan as ligazóns dos outros:
- Vídeo 2
- Vídeo 3
- Vídeo 4

Saúde.

Naseiro 2007 (II)

Foto: La Voz de Galicia. Edición A Mariña (correspóndese coa sesión vermú do sábado)

Bueno, despois de xa case unha semana vaiseme facer moi difícil narrar o que foi Naseiro, para mín, este ano. Eso si, podería narrar perfectamente as secuelas que me deixo porque aínda as estou arrastrando. A moqueira e a catarreira estame custando superalas, pero imaxino que mañá xa case estarán esquecidas. Espero non contaxiar a ningún dos ciclistas da Vuelta a España que mañá teño que entrevista na saída da terceira etapa, que será en Viveiro.

Pois o Naseiro deste ano estivo bastante ben. Pero bueno, que non se pase ben en Naseiro é raro. Mais, non chegou ao punto de espectacular que eu pensei que acadaría este ano. Tiña postas moitas ilusións nel, jeje. Digamos que, se cadra, parte da culpa foi miña. Eso de traballar ata o momento xusto no que comeza non axuda e, despois, creo que desde o luns me empezou a atacar o virus este (dixo o doutor que o era), que me impidiu rendir ao máximo a partir do luns. Ata o luns non houbo moita queixa.

A verdade é que este ano houbo moitas menos cabanas en Naseiro. Sen dúbida o feito de que cadrara nas segundas datas máis altas que o pode facer (o día central e o cuarto domingo do mes e abarca desde o venres antes dese domingo, ata o martes da semana que entra; é dicir, este ano desde o 24 ao 28). Así o xoves (cando non é día oficial de festa, pero xa hai moita xente que se queda a durmir porque xa botan a luz) era entendible que houbese tanta xente. Os que se ían o domingo ou o luns para estudiar de cara aos exames de setembro, comezaron a festa antes para aproveitar ao máximo os poucos días.
De todos os xeitos, nas verbenas había moitísima xente. Sen dúbida, o feito de apostar por traer grandes orquestras axudou.

Comecemos pois coa crónica en si. O primeiro día, día do polbo (pulpo falando), cheguei a Naseiro máis tarde que nunca. Eran case as once da noite e xa atopei a algún/nha que me levaba vantaxe, aínda que non moita. A diferencia de anos anteriores, o primeiro día (no que non hai verbena) preferín gardar forzas e fígado para días posteriores. Así foi, pero claro, toda a noite sen nada que facer (refírome ao tema da orquestra) provoca que pouco a pouco vaias quentándote (non no sentido suxo da palabra,que xa coñezo os tipos de pensamento dalgún) e acabes bebendo máis do que contabas facer. Así foi que me deitei aló polas dez da mañá. E claro, como as tendas de campaña están ao sol, ás once e pouco (é dicir, nin dúas horas cheguei a durmir) xa estaba en pé porque non se paraba de calor nas tendas. Comida agonizando. E ademais tendo en conta que era raxo e zorza, que a máis de 20 graos debaixo dun toldo (menos mal que agora non temos aqueles plásticos negros que poñíamos antes de teito) fan moi compricado o tema. Pola tarde fun á casa ducharme e durmir unha pequena sesta no sofá do salón, porque senón pola noite íame entrar unha páxara criminal.

Así entramos na noite do sábado. Foi o meu día grande e o de moitos na mesa. Aínda non acusas o cansanzo dos días que van pasando e o fígado aínda ten a capacidade xusta para filtrar as brevaxes. Puxémonos a xogar a tradicional partida de tute. A miña parella era o meu amigo Samuel (Salapa para os amigos). Non nos levantamos en toda a noite da mesa (xogábamos a últimos ao primeiro que chegar a tres puntos e cada vez que se perdía había que beber un chupito de licor café por barba) e aínda que esto pareza positivo non é así, porque os outros ían pasando e ían descansando, mentres que nos xogábamos todo o tempo e sempre ían perdendo algunha partido. Resultado: pois que antes de partir á verbena xa levábamos unha (como ben diría unha amiga madrileña miña) caraja importante. Bueno, claro, a esto hai que añadirlle que para que non se nos secara a boca mentras xogábamos e gañabamos, un tiña o Ballantines con Cola ao lado e o outro a birra (estreabamos tirador este ano).
Todo o demais, recordoo ben, a medias. Sei que me tirei en prancha camiño da verbena, nun momento no que uns cantos aproveitamos para ir reencher á mesa. A camiseta amarela dos dummies toda negra e un pantalón corto branco, máis negro aínda. Simpáticas as palabras de miña nai o outro día. "Volvínche lavar o pantalón corto beige, que tiña unhas manchas que non lle daban saído. Non sei de que serían". Custoume aguantar a risa. Ahh, e tamén uns arañazos na man dereita. Para a aparatosidade da caída non foi nada, a verdade.
Gran verbena coas orquestras Joker e Philadelphia. Incluido un pequeno affaire cun dos de seguridade da primeira, cando botou do escenario con malos modos a un rapaz, que sempre sube con bos modos e a facer festa, non a montala. Tranquilos, a miña vida non correu perigo, porque non era o mítico gorila. Era un señor maior, jeje, que senón non creo que lle dixese moito. Poido ser un borracho, pero non son tonto, jeje.
Segundo día, e segundo día que case me deito ás dez. Eran as nove e media pasadas. Festa grande o sábado. O mellor día para mín, o día que mellor o pasei.

Despois domingo, luns e martes deixou para outro día, que senón abúrrovos e ademais xa vai sendo tarde e mañá teño diana cedo, para ir entrevistar aos sufridores da estrada. Xa vos contarei tamén co me foi cos Pereiro, Pino, Freire, etc. se é que ao final podemos entrevistalos, porque creo que polo de agora non estamos moi ben acreditados.

Saúde.

PS: Fáltame falar de Tonhito de Poi e colgar un par de vídeos e fotos da súa actuación en Naseiro. Seguro que a algunha lle vai gustar.

Naseiro 2007 (I)

Impresionante. Fiestón!!!

Empeza o Naseiro!!!

Agora si que si, chega o último cartucho festeiro do verán en Viveiro. Pero é un cartucho longo e intensa. Trátase do Naseiro ou da Romaxe do Bo Xantar (e o bo beber que lle añadiría eu). Mañá a partir de que saía do traballo deixarei de ser habitante deste mundo. Trasladarei a miña vida ás beiras do río Landro, no val de Naseiro. Deixarei preocupacións, penas, problemas e todo o negativo na casa e cargareime de positivismo e enerxía para vivir cinco dos días máis tolos do ano.

Cada Naseiro é diferente e este xa o foi para min desde o principio. Desta vez non fixen nada, non axudei en montar a cabana, non fun o día que se comprou a bebida. En definitiva, que vai ser moi bonito chegar alí e ter todo feito (bueno, hei de admitir que onte á noite xa me pasei pola mesa facer unha pequena revisión, botar un vistazo e probar o tirador de caña que estreamos este ano). Eso si, paréce que me queren cargar o morto e algún día terei que adicarme a fregar, e eso en pleno Naseiro asegúrovos que doe, jeje.

Bueno, en definitiva, que este blog estará pechado ata o mércores (polo menos), aínda que ao mellor fago algunha incursión porque se teño que ir currar (aínda non acordei que días vou librar, pero o luns xaé seguro que si, así que vou disfrutar da París de Noia o domingo a tope,agárdase un espectáculonunca visto, entre a comunión que saía dos músicos e dos "borrachos" que estemos alí abaixo)estarei cun ordenador diante e ao mellor entro. O dito, que este post sirve para avisar a todos aqueles que me vaian botar de menos (seguro que algún hai, jeje) que a miña casa estes días vai estar en Naseiro.

Aos da miña pandilla agárdanos 120 litros de birra, 5 litros de LK (chegará a pouco, mañá xa estará acabada), 10 de crema de orujo (tamén se vai quedar curto), outros licores entre os que está o licor de herbas, ron, whisky, etc. etc.
Menú: Mañá no día do polbo, pois que vai haber, pulpo e tortillas (para os enfermos aos que non lles guste). O sábado raxo e zorza, o domingo churrasco, o luns paella (e para que os teñan peito de comer lacón todo seco, pois lacón todo seco) e o martes creo que empanadas e algo máis, pero a aquela altura xa vale calquera cousa.

Aquí tedes dous vídeos dalgo que xa é mítico de Naseiro, e de tantas outras festas. Pero ningunha chegou a ser número un do top five de CQC.

Saúde e que Viva o Naseiro!!!

Por certo, gustaríame reclamar unha canción que sempre foi nosa e que outros se encargaron de plaxiar e facer famosa no resto de Galicia.
Vivir en VIVEIRO que bonito é, andar de parranda e durmir de pé, e durmir de pé, e durmir de pé, vivir en VIVEIRO que bonito é!!!

Festas de Viveiro (II)

Como xa anunciara na miña entrada anterior, supoñía que o Partido Popular tería algo que dicir das festas. Entendo que se queixaran da organización das feiras de artesanía, do libro e a das artes plásticas. Na primeira houbo moitos problemas (os artesáns queixáronse de que invitaron a persoas que traían productos feitos industrialmente), a segunda levou o vento as casetas e a terceira non se chegou a celebrar, porque non atoparon un sitio (os xardíns, que é onde se viñan celebrando nos últimos anos, están en obras). A sombra do meu xefe de prácticas no Concello e antigo concelleiro de cultura vai ser moi alongada e vaise botar moito en falta. Agora puxeron a unha muller, que só pensa en estar guapa para a foto e co vestido máis bonito. Así de claro. Unha das súas primeiras declaracións foi "ahora que soy concejal de cultura, tendré que aprender el gallego". En fin... non quero comentar máis.

Pero fóra deso, sabía que ían atacar polo tema do festival de hardcore e pola xente que se achegou a el. Bueno, non foi directamente o PP, pero si un blog afín que teñen e que só eles din que non é do PP, senón que as entradas son feitas por persoas de todas as ideoloxías. Só o creen eles. A entrada que colgaron hoxe non ten desperdicio, pero sobre todo vouvos pegar as que se refiren ao festiva de hardcore, porque me parecen moi prexuiciosos e profundamente lamentables. Parece que para eles, hai unha xente para á que se deberían de facer uns guetos. Para que vexades que non mo estou inventando.

El programa de fiestas también incluye un macro festival de música marginal llamado “Resurrection Fest”, una apuesta política de los socialistas que está influyendo de manera decisiva en la imagen de Viveiro. Desde todos los puntos de España, y no sabemos si del mundo también, acuden jóvenes pertenecientes al minoritario mundo del “hardcore”, que no han desaprovechado el hecho de que algún municipio se interese por su poco común, dura y agresiva filosofía musical, y les brinde una oportunidad gratis total como esta para reunirse. ¿De verdad interesa turísticamente semejante evento en Viveiro? ¿Qué saca esta ciudad de la presencia de este variopinto personal?


Queda dito todo con esto. Marxinal, variopinto personal,... Eles mismo definen o que son e os pensamentos que teñen. A min non me gusta esa música, do mesmo xeito que non me gusta a house, ou os pasodobles, pero o que non se pode perder é o respeto. E menos ás persoas.

Saúde.

O Festival SoneArte 2007 de Viveiro púxose en marcha

En Viveiro xa case estamos no ecuador do festival SoneArte 2007. As xornadas de onte e antonte foron intensas. Despois de traballar todo o día (estou axudando a levantar o país a tope, jeje), a Praza Maior de Viveiro era cita obrigada para disfrutar de boa música.

O xoves sería o momento do que antes se coñecía como Viveifolk. Entre unhas cousas e outras perdinme a actuación do grupo medio-local (digo medio porque hai dous rapaces de Viveiro nel), xa que daba inicio ás 22 horas. Pero bueno, cheguei xusto para o inicio do das rapazas eumesas de Faltriqueira. E máis para o que sería o prato forte do día, o concerto de Cristina Pato co seu antigo grupo, Mutenrohi, dentro da xira Misturados.
As rapazas de Pontedeume gustáronme de veras. Teñen uns auténticos chorros de voz e fan unha proposta bastante interesante, ou como elas din, interpretan as cancións ao seu xeito particular. Ademais tamén se uniron ao movemente Dobarrista polo que gañaron puntos para min.

Cristina Pato aínda que moitos a critiquen, basándose máis que nada en prexuizos (non miro para ninguén Ángela) sobre a cor do seu pelo, o seu xeito de actuar enriba do escenario ou as súas poboadas axilas, a verdade é que anima á xente. Tamén é verdade que o actuar con Mutenrohi axudou bastante e ofreceron un concerto bastante movido e dinámico. Notábase que á xente lle estaba gustando. De feito, o número importante de persoas que seguimos o concerto ata o seu final (pasou das dúas da mañá dun xoves) así o atestigua. Eu creo que a ourensá deixou un grato sabor de boca entre todos os que nos achegamos á Praza Maior. Por certo, impresionante e moi boa a acústica da nosa praza máis senlleira, neste tipo de concertos. Moita xente acude a estes concertos co medo de que non se escoite nada (sería o único problema porque ao peto non lles vai, xa que todos os concertos son de balde) e quedan gratamente sorprendidos coa boa acústica que ofrecen as pedras centenarias do casco vello viveirés.

Venres

Onte tocaban os ritmos pop. Á actuación de Elodio y los seres queridos non fun. Primeiro porque chegaría con ela empezada e segundo porque antes fumos tomar algo á Praciña da Herba (é unha especie de Verdura pontevedresa). Na foto non se ve con terrazas nintoda ela. Ademais agora está máis limpa eas paredes pintadas. É moi bonita, sobre todo candoacolle actuacións deMúsica na rúa, do Risa na rúa ou de grupos da mostra folclórica (eu este ano, por exemplo, tiven a sorte de ver o grupo que viña do Ecuador).

Pero si estiven na de Los Planetas. Hei de recoñecer que nunca escoitara a este grupo, a pesar das grandes referencias que del tiña. Minto un pouco, porque no meu tempo de residente en Pontevedra si que tivera a ocasión de escoitalos algunha vez, pero nunca sen amosar un gran interés. E a verdade é que me encantaron. Teñen un directo contundente, rotundo, directo que verdadeiramente me engaiolou. Ademais, semella que se poden considerar un grupo de, máis ou menos, culto, xa que case todo o mundo que foi ao concerto coñecía a letra de todas as cancións do seu repertorio. Jota e os seus non defraudaron e ofreceron un par de bises, que deixaron moi contentos aos asistentes ao seu espectáculo.

Aínda quedan por diante moitos, moi bos e moi variados concertos. Fangoria o domingo, Nacha Pop o mércores e Macaco o sábado, sen esquecerme dos incombustibles Los Bravos, o martes. Estes concertosserán os que non me vou perder seguro, pero se cadra mañá tamén me acerco ao ViveiroRock. A putadiña é que serán en Celeiro e cádrame un pouco a desmán para despois seguir coa marcha. En fin, que todos os problemas sexan estes, non credes?

Saúde.

PS: Aquí vos deixo un tema de Zeca Afonso, un artista portuguésque ten versionado Cristina Pato.

Viveiro no cupón da ONCE

Esta mañá a presidenta do ConselloTerritorial da ONCE entrégalle ao alcalde de Viveiro, o socialista Melchor Roel, unha placa de aluminio que representa o cupón do 13 de agosto, no que sairá representado o meu pobo.
O diseño, en liñas xerais, é unha fotografía da Porta de Carlos V. Á dereita desta aparecen o mapa de España e o de Galicia, ademais do escudo da cidade acompañado de distintos datos estatísticos e xeografícos da localidade.

PD: Terei que comprar ese cupón, a ver se de paso mato dous paxaros dun tiro.

Un saúdo.

Aquí vos deixo un vídeo dun grupo de veteranos músicos de Viveiro. Son uns auténticos cracs. Onte tivo lugar a súa habitual actuación no marco das festas patronais. A Praza Maior estaba ata os topes e é un auténtico espectáculo cando cantan o Boga, boga, mariñeiro, vamos para Viveiro.
Hoxe empezan os concertos grandes co que antes era o Viveifolk, aínda que para min os máis grandes foron os de ontes.

Arde Viveiro!!! (en festas)

Bueno, xa estreamos o mes de agosto. Viveiro está desbordado de xente (imposible atopar sitio para aparcar preto das praias e das zonas de movida) e o verán parece ser que por fin arribou a terras do Norte. E por fin tamén tiven un par de días libres para desfrutar dela. Así e todo, hai unha cousa do tempo que estamos tendo que me está gustando bastante. Fai catro ou cinco días de sol e calor e ven un día que refresca. Como exemplo esta semana. Gran tempo desde o domingo ata o mércores, que choveu un pouco, e o xoves de novo gran tempo ata hoxe á noitiña, que mollou un pouco. Así o campo seguirá fresquiño e será máis compricado que se produzan lumes tan extremos como os do ano pasado. Non deixa de ser paradigmático que xusto cando se cumple o primeiro cabodano dos peores incendios en Galicia, este vrao aínda non se queimase a primeira hectárea de monte. Felicitémonos, aínda que o tempo ten moito que ver. Agardo que non se baixe a guarda para cando veña algún, que desgraciadamente ha de vir.

Pero ao que ía, que perdo o fío por completo. Comezou agosto, e agosto en Viveiro é sinónimo de festa, festa e máis festa. Non se vai dar abasto e eu este ano a ver como compatibilizo tanta verbena coa dura xornada laboral.
A historia é que o fin de semana pasado e este xa tivemos os dous primeiros actos multitudinarios, nos que aínda non me impliquei moito. O fin de semanapasado foi o Festival da Canción do Landro (o Benidorm do Norte), ao que só asistín a unha parte da gran gala final. E durante os últimos días desta semana andivemos cos actos que se inclúen dentro da Mostra Folclórica Internacional, que organiza Bágoas da Terra. O xoves foi o turno para os máis pequenos coa mostra folclórica infantil, na que participaraon grupos de toda a comarca, Celeiro e Viveiro, xunto coa representación foránea que este ano correu a cargo duns nenos de Portugalete (Vizcaia) e uns búlgaros. O venres houbo o tradiciónal concerto do grupo folc de Bágoas da Terra, que este ano cumpría a súa décima edición. Na noite de onte, volveuse a representar o aquelarre na eira das meigas, que lle da un ambiente tan especial á Praza Maior de Viveiro. A noite do domingo está reservada para a gran gala da Mostra Folclórica Internacional. Alí se xuntan en cerca de catro horas de espectáculo, todos os grupos que xa levan varios días na cidade ofrecendo os seus bailes tradicionais por distintas prazas de Viveiro. Este ano tivemos aos representantes de Sabofolk Dance Ensamble (Uzbekistán), Tungurahua (Ecuador), o Folk Dance Group Chudesiya (Bulgaria), Elenco de Música, Corose Danzas Jallmay (Perú), Compañía de Canto e Danza de Quiandognan e Mao de Guizhou (China), Compañía Estatal de Cantoe Danza Tatarstán (unha especie de protectorado ruso), Ballet Folklórico da Amazonia (Brasil), Coros eDanzas Elai-Alai (Portugalete)e Coros eDanzas Bágoas da Terra (Viveiro). Xa vedes, unha auténtica amalgama de culturas, continentes, etc etc. Este faltou a habitual representación dalgún grupo da África negra.

E nesta semana que entra chega o grande das festas. Xa non hai volta atrás e non se para. Todos os días hai algo: música na rúa, risa na rúa (con artistas e pallasos arxentinos, belgas, entre outros), pasarrúas, concurso de pintura ao aire libre, feiras de artesanía, artes plásticas e do libro e varias actividades deportivas (volta naútica a galicia, torneo de xadrez, subida a pé a San Roque, gran premio ciclista san roque, travesía a nado da ría, baloncesto 3x3 urbano, etc.).
Pero a partir deste xoves, xunto coas verbenas, a música ocupará un lugar predominante nas noites viveiresas. Chegan os habituais concertos de verán, encadras nunha especie de festival que lle chaman Viveiro Son e Arte, e no que todos os concertos son gratuitos. Creo que este detalle é bastante importante.

O 9 de agosto darase o pistoletazo de saída co que antes se chamba Viveifolk. Este ano estarán Cristina Pato, Faltriqueira e Arrás. Estes últimos teñen un par de integrantes de Viveiro e formaron parte do A Polo Ghit deste ano co seu Pobretón. Desgraciadamente, a pesar do gran apoio dos votos dos oíntes da RG e dos visitantes da páxina de Vieiros, os "expertos" non tiveron a ben metelos entre os dez finalistas.
Un día despois, o venres 10 estarán na Praza Maior, Los Planetas e os galegos deElodio y los seres queridos.
O 11 será o turno para os rockeiros con Backyard Babies, The Nomads(gustoume a súa home pedindo a paz en distintos lugares)e The Hot Dogs. Estes concertos terán lugar na carpa de Celeiro.
O 12 teremos a Fangoria (con Alaska á cabeza) e máis os vigueses de Ectoplasma. Aquí haberá un día de descanso, ata que o 14 cheguen Los Bravos á Praza Maior. O ano pasado estiveran Los Brincos e fora un dos concertos máis concurridos no que, sobre todo, era moi salientable que había xente de todas as idades disfrutando de temas coñecidos por todos.
O mércores 15, os primos Antonio Vega e Nacho García Vega (Nacha pop) darán en Viveiro un dos vintedous concertos que van dar neste novo reencontro seu. Importante destacar que Viveiro estaba desde o primeiro momento na súa axenda de concertos, cando só tiñan programado quince.
O venres 17 e o sábado 18 será o turno para os hardrcoreiros. Parece ser que o Resurrection Festival deste ano, despois do éxito0 do ano pasado, aínda vai pegar máis forte, pero eu como non controlo desta música só podo falar do que escoito de oídas. Parece ser que vai vir xente de todos os puntos da península. Os grupos confirmados son estes: Madball, Ignite, Caliban, Napalm Death, Backfire, Angel Crew, Devil in me, Grankapo, Black Panthys, Against the spirits, The awake, Twenty fighters, Shattered dreams e Rain is art. Este festival será nos aledaños do campo novo de fútbol de Viveiro e tamén terá entrada gratuita.

O mesmo sábado 18, pero no escenario da Praza Maior, estará Macaco e Telephunken Live. Serán os que pechen os concertos por este ano.

Resumindo:

xoves 9: CRISTINA PATO + FALTRIQUEIRA + ARRÁS
venres 10: LOS PLANETAS + ELODIO Y LOS SERES QUERIDOS
sábado 11: BACKYARD BABIES + THE NOMADS + THE HOT DOGS
domingo 12: FANGORIA + ECTOPLASMA
martes 14: LOS BRAVOS
mércores 15: NACHA POP
venres 17 e sábado 18: RESURRECTION FESTIVAL de Hardcore
sábado 18: MACACO + TELEPHUNKEN LIVE

E despois de todo esto, coa subida a San Roque o día do patrón, chegará a Romaxe do Bo Xantar, o Naseiro, para o que moitos viveireses xa se están preparando. Pero esto xa será tema para outra entrada.

Aquí vos deixo, desde un pobo que arde en festas, no que a calor e o bo tempo parece que se instalan para non irse en todo agosto (esperemos) e eu tentando de levar o mellor posible o chaparrón.

Saúde.