Non deixa de ser curioso unha cousa que me leva pasando bastante tempo. Penso, ou vénseme á cabeza unha persoa ou cousa que hai moito tempo que non vexo e... voilà, ese mesmo día, ou nos seguintes, volvo a vela ou recibo algunha nova dela.

Foi o que me aconteceu hoxe con Manu Chao. Viña escoitando a radio (a COPE, en concreto, por aquilo de contrastar informacións) ao mediodía no coche, cando escoitei un anuncio de dúas conferencias organizadas polo Club Internacional de Prensa -en Redondela a primeira e Lugo a segunda-, que van dar os xornalistas galegos, afincados en Francia, Ignacio Ramonet e Ramón Chao. E, díxenme eu. Hostia (con perdón) canto tempo fai que non saca un novo traballo o bo de Manu Chao. A saber en qué andará metido, co polifacético que é.

E foi chegar á casa e escoitar (non recordo ben se na televisión ou na Radio Galega) que tiña pensado sacar novo disco para setembro. A ver con que nos sorprende o galego-francés.

Ao parecer o novo álbume chamarase "La Radiolina" e o primeiro single del, "Rainin' in paradize", xa o podedes descargar na súa web oficial.

E xa que, nos últimos tempos, o Festival de Ortigueira está buscando o interculturalismo, a fusión, etc, etc., non estaría nada mal que nalgunha edición conten co rapaz de ascendencia vilalbesa. Seguro que se ía liar parda.

Aquí vos queda a súa última creación. Ollo aos debuxos. Desfrutádea.

Por certo, para aqueles que vos podades achegar a Redondela ou Lugo, nunca está de máis escoitar a dúas persoas e personalidades coma Ignacio Ramonet e Ramón Chao.

Saúde.