Gustaríame recomendarvos un programa da Radio Galega. Sobre todo, vai dirixido a todo aquel público que só ten a opción de escaparse ás radiofórmulas, no horario comprendido entre ás 12:00 e a 1:00 da noite. É dicir, para tod@s aquel@s que queiran evitar os programas de información deportiva.

O espazo en cuestión chámase "A Boca da noite" e é comandado por Quico Cadaval, un excepcional contacontos ribeirés. É unexcelente conductor, que leva aos oíntes por sendeiros insospeitados a través de contos e historias -reais ou ficticias- que leva compilando dende ben pequeno. Baixo o meu punto de vista é, xunto con Candido Pazó, un dos mellores contacontos que temos en Galicia.

Esta é a sinopse que a propia Compañía da Radio Televisión de Galicia fai deste programa, que ocupa as noites de luns a xoves, entre ásdoce e a unha:

Sinopse
Quico Cadaval levará os radiooíntes a un mundo de historias reais e cotiás na medianoite da Radio Galega. A boca da noite presentará estas historias mesturadas cun consultorio amoroso e cancións. O programa tamén incluirá unha sección dedicada ao fútbol en que presentará matices curiosos e tratará os temas con ironía e retranca. O espazo é unha alternativa á oferta masiva de deportes, concretamente de fútbol, que inunda as ondas nesas horas, polo que a sección deportiva non terá un vencello estricto coa actualidade. Unha vez á semana, o programa contará coa visita dun personaxe popular que comentará facetas pouco coñecidas da súa personalidade. Esta sección recibirá a personaxes da cultura, do deporte ou do espectáculo. Quico Cadaval, que é actor, director e adaptador teatral, foi o impulsor do movemento de contacontos xurdido en Galicia na década dos noventa, polo que un dos seus obxectivos no programa é contar as historias que envíen os oíntes.

A verdade é que, en Galicia temos unha tradición oral moi importante, que ven dende os antigos bardos, xograres e trovadores. E pasa por este tipo de contacontos ou os regueifeiros, que tanta sona teñen pola zona de Bergantiños. Pero o grao de importancia é igual -penso eu-có grao de esquecemento e recoñecemento. Ben pouco desto último, por desgracia. Así é que tivo que vir xente de fora, coma Manu Chao, levar aos nosos regueifeiros de xira por Inglaterra, Francia, etc.
Lugares onde, por certo, triunfaron e encheron.
Só se fomenta un pouco, dende programas coma o tan demonizado "Luar", ou o "Aberto por reformas" de Xurxo Souto.

Como epílogo, dicirvos soamente, que o programa de Quico Cadaval comeza dunha forma ben suxerente.

Benvidos á Boca da Noite, un lugar cálido, húmido e escuro...

Que o disfrutedes, se algún o escoita. Quedan poucas edicións, porquepenso que o 29 de xuño pechan o chiringuito por esta tempada.

Aquí vos queda un pequeno fragmento.

Saúde.