Onte foi un gran día para os galegos e os seres humanos en xeral. O grupo Zeltia, baixo unha das súas empresas, Pharmamar, conseguía o visto bo definitivo, para poder comercializar en Europa un dos seus últimos avances médicos, o Yondelis. Producto que polo que teño escoitado se produce a partir das algas do mar galegas. Este medicamento poderá ser utilizado para combater o sarcoma de texidos brancos. Grande avance da ciencia e da mediciña, que pode axudar a curar moitas vidas, e novas vidas, xa que este tipo de cancro (ao mellor estou metendo un pouco a pata chamándolle así, pero é que no mundo da mediciña non estou moi metido, nin desexo estar porque sería mal sintoma) é máis habitual en persoas novas.

Non sei porque teño a idea de que en Zeltia tamén está metido Amancio Ortega. Pero, agora mesmo, despois de consultar un pouco de información non o teño nada claro. De todos os xeitos, ao que ía, de ser así e a risco de que alguén me tache de demagogo, populista, etc. da gusto ver como unha persoa non se deixa embaucar polos cantos de serea do fútbol e adica os seus millóns a que a ciencia avance e atope novos remedios contra males, ata hai pouco tempo, incurables (aínda que si, sei que cotiza en bolsa e tamén saca o seu rendemento económico). Nunca me cansarei de dicilo, a eses grandes cracs, pero dos laboratorios, si que se lles tiñan que pagar millonadas e si que tiñan que estar cotizados coma os futbolistas.

Creo que xa encontrei unha relación de Amancio (e unha das súas fillas) con Zeltia.

Saúde (e nunca mellor empregado).