Hoxe gustaríame saldar unha conta pendente que teño desde hai unhas cantas semanas. Quería dedicarlle unha entrada a Marquinhos e vouno facer agora. Este post vai polos vellos tempos, por aquelas noites en Pontevedra. Tranquilos, non vou falar de alcol, sexo, drogas e rock & roll. Non, vou falar de estudos.
Esta entrada ten que ver coa velada que pasei unha noite dun xoves de xaneiro. Unha desas noites míticas nas que fas o que poderías ter feito con total tranquilidade durante o Nadal e os días posteriores, pero que deixas para o último momento porque doutro xeito non tería gracia. Sempre traballando baixo presión. É como cando estás nunha redacción de deportes sen facer case nada en toda a tarde do sábado e, a partir das oita da tarde, tes que facer dúas páxinas (con 9 crónicas de diversos deportes incluidas) en menos dunha hora e media porque ás 9.30 hai que pechar a edición.
Pois ben, nesa noite de xoves tiven que rematar un traballo colectivo e facer o powerpoint para expoñelo o venres, ademais dun traballo individual meu sobre un libro que tampouco tiña lido antes daquela noite. O tema é que me puxen ao chollo e só puiden durmir uns 40 minutos, cun parón incluido no medio no que acabei soprando nunha proba de alcolemia na Praza de Galicia de Compostela (unha historia para non durmir). Non sei se este "esforzo" criminal servirá para algo (o traballo ao final non o expuxemos ese día), pero si que, polo menos, me serviu para recordar aquelas noites de traballos pontevedresas.
E a adicatoria a Marquinhos ten unha razón lóxica. Foi a persoa coa que máis vivín esas noites. Imaxino que aquel día e medio seguido co traballo de Laxe será difícil de superar por máis que o intente, jeje.
Un abrazo rapas. Débeda saldada.
Saúde.

Non, agora xa aprendiche a aprobar sen pasar por clase, e copiando a pregunta enteira dun exame que che pasou o compañeiro do lado.
Está claro que vas facendo progresos.
Ronnie, prégoche que non caias na difamación sinxela. Non copiei ningunha pregunta enteira e sábelo. Non terxiverses.
Certo, certo, o compañeiro só pasou os datos nun esquema que ti encargache de redactar.... Nada máis que iso
gracias pola dedicatoria. queda a conta máis que saldada. cantos recordos da vida universitaria... a pesares dos sprints finais é unha vida moi prácida.
Un esquema cunha letra demencial e non moi completo de todo. Que nos escritores do Rexurdimento non apareza Curros e Pondal veña en interrogativa non di moito do esquema, ou?
De tódolos xeitos, obrigado pola axuda.
Marquinhos, moitos recordos, si. O da vida prácida é certo. Eu estoume dando conta dunha cousa. Cando estou na facultade en Santiago penso que non estou no sitio adecuado e que xa tiña que estar currando como a maioría, pero ao mesmo tempo cando penso que podería comezar a traballar, doume conta do ben que se leva a vida de Santiago.
Saúde.